Pedro Villar vence a primeira proba do Trofeo Curuxarallye Pistón-Cup 2010

  Só tres dos oito pilotos debutantes nesta terceira edición do Rallye Comarca da Ulloa deron rematado a proba.

Os concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso acolleron esta pasada fin de semana ós numerosos equipos e milleiros de afeccionados que se achegaron con motivo da primeira proba do calendario do Campionato Galego de Rallyes.

Un total de 107 inscritos formaban parte desta proba, dos cales oito eran debutantes integrados no certame promocional organizado por Curuxarallye.
Este Trofeo, que no 2010 está patrocinado pola Escola Infantil de Karting Pistón-Cup, está creado para axudar ós deportistas que se inician nesta práctica automobilística. Asesorar, colaborar e formar ós novos pilotos son as metas desta copa de promoción reservada ós novos pilotos.

Dos oito pilotos inscritos só sete puideron escomezar a carreira, xa que o Citroën Saxo de Luis Pérez sufriu unha avaría mecánica o día previo á carreira que o seu equipo de mecánicos tentou amañar ata ben entrada a madrugada, pero non foi posible poñer o coche sobre os treitos da Ulloa. Agora –indica o piloto- temos unhas semanas por diante para poñer todo a punto para o Cocido.
A meteoroloxía condicionou fortemente a carreira, xa que á primeira hora non se chegaban ós 3ºC, que sumados á xiada nocturna e ó orballo (que nalgúns casos se converteu en auganeve) fixo que os sucios e rotos treitos do rallye se convertesen en auténticas pistas de patinaxe. Esta dificultade provocou que o tomiñés José Ramon Domínguez Alonso sufrise unha aparatosa saída de estrada que, afortunadamente, desembocou só en danos materiais.
Abandonaron tamén Iván Piñeiro (por rotura da caixa de velocidades), Pablo López e Iván Vázquez.

Despois de case 100 km contra o crono o actual subcampión galego de Slalom, Pedro Villar, levou o seu BMW 323 ó máis alto do podio. A formulación de Pedro (que rematou 49º da xeral e 4º de X12), facéndose copilotar polo experimentado César Díaz foi de ir de menos a máis. Empecei con algo de medo, pero kilómetro a kilómetro funme soltando grazas ó gran profesor que levo á dereita. A idea inicial era simplemente rematar o rallye que, desde dentro, vese que é moito máis difícil do que parece. Pola tarde vimos que era posible gañar o Trofeo, o que nos motivou aínda máis. Agora, con esta experiencia, esperamos saír máis tranquilos en Lalín.

Por detrás del rematou Sergio Tabeayo co seu Peugeot 206 (64º da xeral e 5º de N2). Foi un debut complicado, sobre todo polo estado dos treitos. A tarde foi un auténtico suplicio para o piloto afincado en Carral xa que se bloqueou o cambio e tivemos que facer o resto do rallye en terceira velocidade. Así que nos mentalizamos de que tiñamos que rematar o rallye e coller uns puntiños para o Trofeo.

Sergio Paulo González (68º scratch e 3º N3) foi o terceiro clasificado e o último dos debutantes en conseguir cruzar a meta. Non podo negar que o pasei realmente ben, anque agora entendo o difícil que é rematar un rallye. Sufrimos a rotura da suspensión traseira e tivemos que facer case tres treitos enteiros con ela nun penosísimo estado. Afortunadamente a asistencia, a quen lle quero agradecer o seu traballo, deu arranxado a tempo para pode rematar a carreira.

Carlos Rubén Guerreiro, campión do Trofeo Curuxarallye na edición do 2009, obtivo un grandísimo resultado no seu proxecto 2010: a Copa Kumho, onde rematou segundo clasificado.

A seguinte parada do Campionato Galego de Rallyes é o XVI Rallye do Cocido (12 e 13 de marzo) onde os debutantes volverán loitar por esta iniciativa que Curuxarallye organiza coa colaboración da Escola Infantil de Karting Pistón-Cup, a Federación Galega de Automobilismo, PTC Escuela, Recreativos Anviar e Grafiideas.

Acerca de Ruben 5369 Articles
Webmaster de www.Gzrally.com desde 2003. Apasionado del motor y la fotografía.

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.