• 28 marzo, 2024 17:19

O agardado debut

Abr 20, 2006

Este vindeiro sábado día 22 terá lugar o debut do piloto seleccionado por Rallycar no seu proxecto ¿Queres ser piloto? O Rali Ría de Noia, puntuable para o Campionato Galego de Rallyes, será o escenario no que Francisco Cima faga a súa presentación, ós mandos do Fiat Punto HGT.

A partir de aquí, participará en catro probas do Campionato de España: Rallye Cantabria Infinita, Rallye Rías Baixas-Redcom, Rallye de Ourense e Rallye de Ferrol.

Con tan só dezaoito anos, Francisco Cima atesoura unhas grandes cualidades para os deportes de motor. Provén do motociclismo, onde competiu a alto nivel nos derradeiros anos. Agora, tendo xa o permiso de conducir, pásase ás catro rodas, tal e como el soñara dende pequeno. O seu obxectivo é chegar a ser piloto profesional, e Rallycar vai lle axudar a da-los seus primeiros pasos e a lle ensina-los coñecementos básicos do mundo dos rallyes.

Como copiloto, neste proxecto levará a Diego Rumbo. O coruñés, coa súa experiencia, tratará de guialo e axudalo na ardua labor de toma de notas dos tramos. Diego participará ademais, con outro dos pilotos Rallycar nalgunha outra proba do nacional.
 
Como complemento a este proxecto, Cima participará no Desafío Peugeot Asturias – Trofeo Auto Nalón, a bordo dun Peugeot 206 XS. A súa primeira participación, no Rallye de Tineo, saldouse cunha excelente segunda posición no Trofeo, por diante de pilotos moito máis experimentados.